170.000 euros para fomentar a investigación de drons e satélites para previr lumes forestais
Por Redacción
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, asinaba este martes un convenio para colaborar coa Fundación Centro de Innovación Aeroespacil de Galicia (CINAE) co presidente do seu Padroado e reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato. A idea é desenvolver a investigación tecnolóxica que permita usar informacións de satélites e drons en usos agro-forestais como o control e a prevención dos incendios.
A achega é de 170.000 euros para colaborar ata finais de 2018 en accións para mellorar a prestación de servizos ao sector agrario e forestal e controlar as especies invasoras que aumentan as posibilidades de combustión dos montes galegos. Os drons sobrevoarán e poderán controlar as zonas de incendios para, con detectores infravermellos, detectar novos focos e delimitar os perímetros dos incendios con datos para os servizos de extinción.
FINALIDADES CARTOGRÁFICAS
Ao mesmo tempo, máis de 25 estudantes de posgrao das tres universidades galegas e da Universidade de Cabo Verde participan desde principios deste mes de xuño nun curso de especialización Coastal Dinamics and Environmental Evaluation, que lles achega ás novas tecnoloxías cartográficas que permiten modelizar contornas costeiras e realizar labores cartográficas de espazos como masas forestais. A profesora de Forestal Julia Armesto realizou a última sesión do curso nos montes de Pontevedra para que os participantes coñezan o traballo dun multicóptero.
Os drons, apuntou a profesora, conforman un salto cualitativo e cuantitativo fundamental para acometer traballos cartográficos e permite realizar medicións en momentos moi concretos como, por exemplo, antes e despois dunha tormenta.
GANDO NOS MONTES PARA EVITAR LUMES
Por outra banda, o grupo AF4, segundo informa o DUVI, explora novas vías para compatibilizar os usos forestais e gandeiros nos montes. A idea é que o aproveitamento dos montes como fonte de alimento para o gando poida contribuír á prevención dos incendios forestais, ao reducir a cantidade de biomasa forestal que se pode converter en combustible para as chamas.
Investigadores da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra traballan na formulación de medidas que axuden a compatibilizar ambos os usos, forestal e gandeiro, nos montes de toda a provinica. O grupo AF4 forma parte dun grupo operativo de innovación impulsado pola Asociación Agraria de Galicia, a través dunha liña de subvencións da Dirección Xeral de Ordenación e produción Forestal da Xunta.