Murais para fomentar a 'Memoria con arte' en Poio
Por Redacción
A Asociación RE-Creo, fincada en Poio, está a organizar o I Festival da Memoria con Arte, unha actividade coa que busca a implicación e a participación dos veciños no coidado e desenvolvemento do seu patrimonio.
Este proxecto, dirixido a todos os públicos, consta de dúas fases. Na primeira, un concurso de murais, as persoas interesadas en participar teñen de prazo ata o 15 de setembro para presentar os seus traballos, que serán valorados por un xurado especializado.
Todos os bosquexos que cumpran as bases serán expostos a través da web do Concello e a de Re-Creo.
Unha vez pechado o prazo, será quenda da segunda fase na que os murais seleccionados serán plasmados nunhas lastras de formigón que se instalarán nun lugar privilexiado, o Parque da Memoria, na Seca.
Segundo explica a asociación que promove o proxecto co apoio da concellería de Cultura de Poio, o coidado do medio ambiente, a contorna, o fomento das relacións interxeracionais ou a posta en valor de espazos públicos e do patrimonio cultural son algúns dos principais valores do Festival da Memoria con Arte.