Denuncian que a Xunta e Interior manteñen menos axentes de seguridade nos xulgados dos que corresponden
Por Redacción
O sindicato Alternativas na Xustiza-CUT denuncia que a Xunta de Galicia e o Ministerio do Interior están a incumprir os compromisos adquiridos para garantir a seguridade nos edificios xudiciais galegos.
Esta central sinala que en 2007 asinábase un convenio de colaboración e coordinación da Secretaría Técnica do Ministerio do Interior coa Xunta de Galicia en materia de seguridade nos edificios da Administración de Xustiza para a comunidade galega. Nese convenio contemplábase a presenza de sete axentes da Policía Nacional nos Xulgados da Parda de Pontevedra, con quendas de mañá e de tarde e con horario de servizos de vixilancia e protección.
Denuncian que, a día de hoxe, unicamente hai cinco funcionarios en Pontevedra, dous menos dos estipulados no convenio de 2007, como cadro fixo de persoal no edificio dos xulgados, facendo os labores de seguridade.
Afirman, ademais, que a actividade diaria destes axentes na Parda vese minguada en períodos vacacionais ou se algún deles atópase de baixa non se cobren as ausencias. Por este motivo, Alternativas na Xustiza-CUT apunta a que o número de efectivos dispoñible diminúe agravando a situación ante a posibilidade de que se produza algún incidente.
O problema en Pontevedra sinalan que se ve agravado ao constar o edificio xudicial de dúas entradas, a principal e a do xulgado de garda, e os axentes teñen que dividirse en caso de urxencias ou mesmo en casos de necesidades fisiológicas. Ademais deben auxiliar no caso de que llo requiran nun xuízo ou nos corredores do edificio. Desta forma, queda con menos efectivos a entrada principal e provocando un problema de seguridade.
Denuncian, ademais, que hai un mes trasladaron a un vixiante de seguridade no edificio da Parda, unha alternativa para non cubrir con policías os edificios xudiciais tal e como está a suceder noutros xulgados fóra de Pontevedra, segundo apunta Alternativas na Xustiza-CUT. O sindicato sinala que estes postos de traballo están destinados a persoal do CNP en segunda actividade e supoñen un escaso custo económico para a Administración por estar remunerados cun complemento sobre a pensión que perciben.
Esta central sinala que os xulgados do contencioso administrativo non contan con policías, vixiantes nin ningún outro tipo de seguridade, quedando desprotexidos. Ante esta situación reclaman que se cubra de forma urxente as vacantes, adaptando o convenio á situación de seguridade que se vive a nivel nacional.