Os dous proxectos do Sánchez Cantón para o TeenTech, rumbo a Londres
Por Alejandro Espiño
Os alumnos do IES Sánchez Cantón xa teñen todo a punto para participar na final dos premios TeenTech 2017. Oito nenos e nenas do centro escolar pontevedrés competirán, en dous equipos diferentes, nun certame que por vez primeira abre as portas ao alumnado de fóra da Gran Bretaña.
A final desenvolverase na Royal Society de Londres o próximo 26 de xuño.
Un dos equipos está formado por tres alumnas de Terceiro da ESO -Nuria Sueiro, Sandra García e Sara Van Dinter- e presentarán un proxecto baseado no deseño dun farol solar que permite orientar e inclinar o panel correctamente coa fin de optimizar o rendemento do panel solar.
O segundo equipo está integrado por cinco estudantes de Primeiro de Bacharelato -Inés Pérez, Carlos Argibay, Álvaro Portugal, Alicia Pedrosa e Javier de la Cruz-, que defenderán un proxecto de micrófono direccional pensado para persoas con deficiencias auditivas, o que permitiría solucionar o problema que presentan os audífonos en locais pechados nos que se realizan conferencias e coloquios ou en ambientes especialmente ruidosos.
Cos rapaces viaxarán a Londres os profesores coordinadores dos proxectos: Benito Búa, de Matemáticas; Carmen Pernas, de Plástica e Lourdes García, de Tecnoloxía. Ademais, tamén viaxará a profesora de Inglés María José Torres, que dará soporte aos alumnos que teñen que facer a súa exposición neste idioma.
TeenTech é unha organización sen ánimo de lucro fundada en 2008 para axudar aos mozos para comprender as oportunidades de traballo que ofrecen na actualidade as áreas de coñecemento vinculadas ás STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas) e xerar interese polos estudos de carácter científico-tecnolóxico.
O pasado 11 de abril recibiuse no IES Sánchez Cantón a comunicación por parte de TeenTech de que os dous proxectos foran seleccionados para a fase final de Londres. O grupo de 3º na categoría "Internacional" e o de 1º de Bacharelato na categoría xeral para alumnos británicos ao mellor proxecto innovador- modelo, app, páxina web ou prototipo.
Os alumnos seleccionados, xunto cos seus profesores, foron recibidos este martes polo alcalde Miguel Fernández Lores e a concelleira de Educación, Carme Fouces, que coñeceron de primeira man os proxectos que defenderán en Londres. O Concello contribúe economicamente á viaxe e mediou para axudarlles a conseguir financiación.
Relacionadas:
-
O proxecto de micrófonos direccionais do IES Sánchez Cantón, seleccionado para o InnovAmes
Por Redacción |
-
Estudantes do IES Sánchez Cantón amosarán os seus proxectos na Galicia Maker Faire
Por Redacción |
-
Os organizadores dos premios TeenTech concédenlle a medalla de ouro ao Sánchez Cantón
Por Redacción |
-
RADIO.- Pontevedra exhibe talento no Reino Unido
Por Marisa Ciordia |
-
Estudantes do Sánchez Cantón buscan financiación para defender dous proxectos científicos na final dos premios TeenTech
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Conexión científico-tecnolóxica entre o IES Sánchez Cantón e o Alton Convent School
Por Redacción |