350 nenos participarán nas ludotecas de verán de Ponte Caldelas
Por Redacción
Coa colaboración de sete entidades distintas, o Concello de Ponte Caldelas ofertará este ano 350 prazas para as súas ludotecas de verán, unha iniciativa que busca axudar á conciliación da vida familiar e laboral durante a época estival.
A rapazada da vila poderá así gozar dos xogos populares, roteiros, elaboración de vivacs, excursións ao río e á praia fluvial, paseos en bicicleta, clases de trenzados, de pintura, de equitación, obradoiros de cociña, música ou pintacaras, entre outras actividades.
A oferta é tamén flexible, pois moitos dos organizadores ofrecen a posibilidade de contratar por días soltos, semanas, quincenas ou meses completos, adaptándose así ás necesidades das familias, non só en gustos por actividades concretas, senón por dispoñibilidade en función das datas.
Un folleto, editado polo Concello, axudará ás familias a coñecer facilmente a totalidade da oferta que a iniciativa pública e a privada poñerán en marcha este ano.
No folleto atópase toda a información sobre os prazos de inscrición e os datos de contacto dos distintos promotores das sete ludotecas que funcionarán este verán. Estará dispoñible no propio Concello, no Centro Cultural e tamén en todas as entidades públicas e privadas participantes.
O alcalde, Andrés Díaz, recibiu aos representantes da Sociedade Cultural e Deportiva Ponte Caldelas, as ANPA dos colexios Cordo Boullosa e A Reigosa, á directora da ludoteca municipal, á responsable de Hípica Amazonas e aos xestores da escola infantil Papaventos e do parque infantil Verdugolandia, aos que agradeceu o seu esforzo.