Un xuízo por estafa a Toyota convértese nun "galimatías" polas traducións das testemuñas estranxeiras
Por Anxo Lourido & Oskar Viéitez
A primeira xornada da vista oral contra o empresario Javier Agostini, de orixe cubana e residente en Ponteareas, converteuse nunha torre de Babel na que os tradutores eran incapaces de trasladar correctamente as preguntas dos avogados e do fiscal e mesmo non traducían parte das declaracións das tres testemuñas estranxeiras que participaron nesta primeira sesión neste xuízo que se desenvolve na sección cuarta da Audiencia Provincial.
Javier Agostini senta no banco de acusados e enfróntase a unha petición de condena de seis anos de prisión e unha multa dun millón de euros por presuntamente estafar, durante 2009 e 2010, á marca Toyota enviando nuns colectores a Xapón area en lugar de po catalítico, que era o produto co que traballaba a través da empresa pontevedresa Newtec Reciclyng, con sede en Mondariz.
O fiscal entende que o acusado desenvolveu un sistema para burlar os controis estafando máis de 920.000 euros á firma xaponesa mediante o envío de 36 recipientes nos que non trasladaba o po catalítico obtido dos carburadores. O acusado recoñecía que a filial do grupo automobilístico Toyota Tsusho Europe pagaba por adiantado o 80 % do cargamento cando se remitía a carga a Xapón. Unha vez que se comprobaba a mercadoría en terras nipoas, abonábanlle o 20% restante.
Agostini declarábase inocente ante o tribunal e manifestaba que tras realizar varias entregas satisfactorias para ambas as partes, a dirección de Toyota fixéralle unha oferta para facerse co 50% das accións da súa empresa por un total económico de 1,5 millóns de euros. Unha cantidade, segundo declarou Agostini, que rexeitou ao parecerlle escasa xa que Newtec facturaba 5,5 millóns de euros anuais
Agostini indicou tamén que Toyota interesouse pola súa empresa porque era a que tiña o "monopolio" de po catalítico en España e que, ademais, inventara unha máquina coa que rebaixaba de maneira notable o tempo do proceso de extracción deste produto. Segundo apuntou, a multinacional cambiou o trato con Newtec Reciclyng a partir da negativa para vender as accións da empresa, que rematou con esta denuncia por trasladar area no lugar do po catalítico. A demanda, segundo o acusado, provocou a quebra da súa empresa.
Un dos técnicos que testificou en nome de Toyota rexeitou esa oferta e explicou o proceso de traslado dos colectores co produto e as inspeccións que se realizaban para comprobar o material que se transportaba.
PROBLEMAS NA TRADUCIÓN DAS TESTEMUÑAS
Dúas das testemuñas, que declaraban en nome de Toyota, falaban en inglés e foi necesaria a intervención dun intérprete que escusándose en que era incapaz de reter frases longas e en que carecía de vocabulario xurídico retardou as declaracións chegando a provocar as protestas da letrada da acusación sinalando que non estaba a traducir todo o que dicía a testemuña. Incluso o acusado chegou a axudar ao intérprete con algunha palabra, sendo recriminado pola xuíza titular. O intérprete mostraba serias dificultades para traducir tanto as preguntas dos avogados como as respostas das testemuñas e a letrada de Toyota tivo que axudarlle para traducir palabras como "notario" ou "perito".
Unha terceira testemuña, que se atopaba presente durante a inspección dos colectores, requiriu pola súa un intérprete xaponés. Malia contar co intérprete xaponés, toda a declaración realizouse en inglés e mesmo o intérprete dirixiuse sempre á testemuña na lingua xermánica e non na asiática. O fiscal Juan Carlos Aladro pediu brevidade a esta testemuña, que se expresaba con moita vehemencia alongando a sesión, e esta respondeulle, de maneira sorprendente, que se as preguntas fosen "claras e acertadas" respondería cun "si" ou cun "non".
O xuízo continuará o vindeiro xoves 22 ás 10.00 horas coa toma de declaración de máis testemuñas, neste caso, por videoconferencia.