Comeza a folga do sector do transporte
Por Anxo Lourido
Creada e actualizada
Creada e actualizada
"Paro total na estación de autobuses de Pontevedra", así resumían os sindicatos á primeira hora da mañá deste martes a situación no arranque da primeira xornada da folga convocada contra o bloqueo dos convenios colectivos e en rexeitamento do plan de viaxeiros da Xunta, que prevé integrar servizos escolares nas rutas convencionais.
Seis de cada 10 liñas regulares de autobús en Galicia están afectadas por estes paros.
Na comarca só houbo transporte escolar en Ponte Caldelas, segundo as organizacións convocantes que lembran que desde o paro de 2002 non houbo outra folga similar no transporte de viaxeiros por estrada en Galicia.
O motivo do conflito responde á oposición de patronal e organizacións sindicais ao modelo que aspira a implantar o goberno galego, de integración do transporte escolar nas liñas regulares de pasaxeiros, posto que aseguran que destruirá negocio, o 70% da súa carga de traballo, e tambiénn emprego, ata un milleiro de traballadores, dun persoal que en total rolda as 7.000 persoas.
Tamén a Confederación Galega de Anpas de centros públicos expresou o seu rexeitamento ao proxecto de Infraestruturas, "por converter o transporte escolar en transporte de viaxeiros con reserva de praza".
Pola súa banda, a Xunta defende o seu anteproxecto "como alternativa para garantir que a partir de agosto haberá servizos despois das renuncias das empresas para seguir prestando máis de 500 liñas".
En marzo de 2016, o Tribunal Supremo anulou a prórroga das concesións de autobuses de liña regular que o executivo autonómico impulsou en 2009. Agora que debe volver adxudicar a maior parte das concesións, a administración pretende tamén reestruturar boa parte das liñas, aproveitando ademais as diferentes renuncias empresariais. Isto, sinalan, permitirá mellorar o funcionamento deste servizo en preto de 200 concellos galegos.
A XUNTA PIDE RESPONSABILIDADE
Con respecto a esta folga, a Xunta de Galicia fixo un chamamento á responsabilidade para o cumprimento dos servizos mínimos establecidos e o respecto ás necesidades dos escolares e das súas familias, así como aos dereitos dos traballadores que decidiron acudir aos seus postos de traballo.
O goberno asegura que se constataron incumprimentos dos servizos mínimos establecidos para o transporte escolar de preto do 65%, con máis de 65.000 afectados en toda Galicia.
Os datos provisionais proporcionados tan só por parte das empresas de transporte cifran nun 40% o seguimento de traballadores do paro, se ben a afección aos servizos está a ser moi superior porque "diferentes piquetes están a vulnerar os dereitos dos traballadores impedindo a saída de autobuses das estacións", sinala a Xunta.
Os servizos mínimos establecidos para o transporte xeral están a rexistrar tamén un elevado grao de incumprimento, próximo ao 75%, segundo os datos facilitados polo goberno galego.
A Consellería de Infraestruturas asegura manter a súa oferta de diálogo aos traballadores para analizar os aspectos laborais do plan de transporte e a súa disposición a analizar as propostas da patronal. Así mesmo, empraza aos empresarios do transporte a negociar cos traballadores a renovación dos convenios colectivos.
Relacionadas:
-
Volta á normalidade no transporte de autobuses co conflito aínda latente
Por Oskar Viéitez |
-
Os piquetes fanse notar na cuarta xornada de paro no transporte
Por Oskar Viéitez |
-
Empezan dúas novas xornadas de folga de autobuses "con todo parado"
Por Oskar Viéitez |
-
Os sindicatos sinalan un seguimento masivo da folga de transporte e a Xunta abre expedientes
Por Redacción |