Os bombeiros socorren un home de avanzada idade que caera no interior da vivenda
Por Redacción
Os Bombeiros de Pontevedra tiveron que acudir durante a tarde deste luns á rúa Cobián Areal, nun lateral do Hospital Provincial, alertados pola Policía Local de Pontevedra.
Os axentes foran alertados de que un home de avanzada idade atopábase nunha situación de dificultade dentro da súa vivenda nesa céntrica rúa.
Por este motivo, os bombeiros do parque municipal desprazáronse ata o lugar e foi necesario que utilizasen a escaleira para poder acceder ao balcón da vivenda. Desde alí lograron entrar no domicilio e atopáronse ao home tombado no corredor que non podía incorporarse tras sufrir unha caída.
Sanitarios do servizo do ambulancias do 061, unha vez franqueado o acceso da entrada principal, encargáronse de atender ao home, que se atopaba consciente. Foi necesario cortar a rúa ao tráfico durante o operativo.