Sanxenxo reforza a brigada de limpeza de praias coa contratación de 15 persoas
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo acordou contratar a outras quince persoas para reforzar o servizo de limpeza de praias. O proceso selectivo está aberto ata o 23 de xuño, segundo informou o goberno municipal.
O obxectivo desta convocatoria é a creación dunha bolsa de contratación laboral temporal de peóns para o reforzo do servizo de limpeza de praias. As persoas contratadas contarán cunha xornada laboral de 25 horas semanais de luns a domingo, co descanso proporcional correspondente.
Estas persoas súmanse ás 37 xa contratadas a través do Plan Concellos da Deputación.
A súa actividade fundamental centrarase no baleirado de papeleiras das praias, retirada de residuos das zonas verdes anexas ás praias, incluídos paseos, sendeiros e vías de acceso, recollendo os residuos e facendo un mantemento de roza, limpeza e nivelación da area nas saídas naturais de augas pluviais.
Ademais, tamén se encargarán da retirada de algas e do seu traslado ao vertedoiro autorizado, así como de calquera outro residuo depositado na area, todo isto baixo o control das concellerías de persoal, servizos e medioambiente.
VISITA DA XEFA DE COSTAS
Para comprobar o estado actual das praias, a xefa provincial de Costas, Cristina de Paz Curbera, visitou os areais do municipio, acompañando ao alcalde, Telmo Martín.
Ambos acudiron ás praias de Areas, Nanín, Carabuxeira, Lavapanos, Baltar, Canelas, Montalvo, Foxos e as inmediacións da capela da Lanzada.
En cada unha das praias analizaron as necesidades e actuacións máis urxentes a realizar.
En Areas acordouse limpar o río e limpar unha zona de canas, que invade os laterais. En Nanín acondicionarase unha baixada do regacho que desemboca na praia, na Carabuxeira retomarase o proxecto de rexeneración do areal e en Lavapanos preténdese canalizar un regacho que parte a praia á metade.
Pola súa banda, en Baltar hai que sacar varias zonas de canas por considerarse unha planta invasora e substituílas por plantas de duna, do mesmo xeito que en Canelas, que existe este mesmo problema. Nesta tamén é urxente construír un muro na parte esquerda do areal, xa que a situación na que se atopa é perigosa.
En Montalvo, ante o crecemento da duna, sería necesario levantar a pasarela de acceso, en Foxos, para poder repoñer un valado que foi necesario sacar coa obra da PO-308, hai que canalizar unha tubaxe de pluviais, e por último, nas inmediacións da ermida, hai unha focha ao que hai que darlle solución segura polo perigo que carrexa.
Todas estas propostas serán estudadas co obxectivo, na medida do posible, de que estean solucionados para este mesmo verán.
Relacionadas:
-
Máis de 33.000 euros do Plan Concellos mellorarán o saneamento en Noalla
Por Redacción |
-
A praia da Panadeira estreará un módulo de aseos a través do Plan Concellos da Deputación
Por Redacción |
-
Sanxenxo iza as bandeiras azuis nas súas praias
Por Redacción |
-
Máis de 60 persoas vixiarán as praias de Sanxenxo durante este verán
Por Redacción |
-
Areas, Silgar, Canelas e Montalvo contarán con socorristas desde este venres
Por Oskar Viéitez |
-
Sanxenxo ultima a posta a punto das súas praias
Por Oskar Viéitez |
-
Telmo Martín reforzará o persoal dos servizos sociais e os socorristas
Por Oskar Viéitez |