Baixa a temperatura aínda que seguirá apertando a calor
Por Redacción
Despois de marcar rexistros de récord as temperaturas baixarán suavemente no arranque da semana. 32 graos marcou Pontevedra aeste domingo.
Segundo a previsión de Meteogalicia a masa de aire cálido mantense sobre Galicia.
A xornada do luns arrancou con ceos pouco nubrados ou despexados con néboas pola mañá sobre o mar no litoral atlántico. Pola tarde aumentarán as nubes de evolución nas zonas altas do interior, que mesmo poderán deixar algún chuvasco tormentoso. As temperaturas comezarán a descender lixeiramente, entre dúas e seis graos, aínda que se manterá a forte sensación de calor pola tarde.
O martes Galicia permanece con aire cálido en superficie e aire máis frío en altura, polo que volverá a predominar a inestabilidade atmosférica.
E para o mércores unha masa de aire atlántica irá entrando lentamente polo litoral, pero aínda se manterá o aire cálido no interior. Isto deixará un aumento das nubes baixas polo litoral atlántico e a entrada de néboas dende o mar mentres que no interior amencerá aínda despexado pero a medida que avance a xornada medrarán nubes de evolución e haberá chuvascos tormentosos. As temperaturas descenderán, sendo o descenso máis significativo no litoral. O vento soprará frouxo, variable, con brisas na costa a partir do mediodía.