Os heroes españois dos atentados de Londres, recoñecidos en Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Oito persoas perderon a vida o pasado 3 de xuño nos atentados de Londres, o último golpe terrorista do Estado Islámico en Europa. Poderían ser máis, sen dúbida, sen a intervención de dous cidadáns españois que este luns recibiron o recoñecemento da corporación municipal de Pontevedra.
Un deles, Sergio Fariña, é de Pontevedra. Traballa nun restaurante chamado Arthur Hooper´s, situado nun dos puntos que foron atacados polos yihadistas, o Borough Market. Nun arranque de valor, impediu que os terroristas entrasen ao establecemento e salvou aos seus clientes e a quen buscaba refuxio escapando dos atacantes.
A corporación destaca que Sergio Fariña "non dubidou en ningún momento" en poñer a salvo a todas as persoas que se atopaban no seu lugar de traballo.
"Por iso queremos mostrar o noso agradecemento pola súa actuación e por mostrar o valor necesario para plantarlle cara ao terrorismo axudando a aquelas persoas", reza o acordo institucional que apoiaron todos os partidos políticos.
Esta homenaxe tamén se fai extensible a Ignacio Echeverría, o español residente na capital británica que faleceu durante os atentados. O mozo, de 39 anos, enfrontouse co seu monopatín aos yihadistas para auxiliar un policía que estaba a ser atacado na ponte de Londres e foi asasinado polos terroristas.
"Queremos lembrar a Ignacio Echeverría, que pola súa mostra de valor, sufriu as consecuencias deste brutal ataque, pagándoo coa súa vida", sinalou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, en nome de toda a corporación.
O acordo institucional incluíu ademais unha condena expresa a todo tipo de ataques terroristas.
REXEITAMENTO A UN ÚNICO XULGADO PARA AS CLÁUSULAS SOLO
A continuación, a corporación municipal mostrou o seu rexeitamento á creación dun único xulgado uniprovincial, con sede en Vigo, en materia de cláusulas hipotecarias abusivas, sumándose ao posicionamento do Colexio de Avogados de Pontevedra, ao entender que esta medida prexudica á cidadanía afectada nestes procedementos.
Entenden ademais que esta decisión lastra o funcionamento da administración de xustiza, "ao impedir repartir o traballo dunha forma idónea entre os distintos partidos xudiciais sobrecargando a catro xulgados xa colapsados".