Morren dous motoristas novos nun accidente de tráfico en Cuntis
Por Oskar Viéitez
Dous mozos, de 30 e 23 anos, faleceron este sábado nun accidente de tráfico ocorrido en Cuntis.
Segundo informou a Central de Coordinación do 061, o suceso ocorreu sobre as 11,10 horas deste sábado, cando a moto na que viaxaban os mozos saíu da vía.
Ata a zona foron desprazados efectivos da Garda Civil, así como unha ambulancia asistencial con persoal sanitario do PAC de Caldas de Reis, e o helicóptero medicalizado do 061, aínda que os seus efectivos só puideron certificar a morte dos dous mozos.
Segundo confirmaron fontes de Protección Civil de Cuntis, os falecidos son veciños do concello de Teo.
O lugar do accidente é unha recta no quilómetro 1,300 da estrada PO-226 (Cuntis-Porráns) próxima ao centro urbano cuntiense, na baixada á Ponte Taboada.
Os dous mozos impactaron contra o valo de proteción coa súa moto, unha Kawasaki modelo Z-800.
A vía permaneceu cortada mentres se procedía á retirada da moto e os corpos dos falecidos.