Este sábado comeza a veda da centola e o boi
Por Redacción
A veda da centola e do boi na parte litoral que vai desde A Guarda ata Cabo Corrubedo (na provincia de Pontevedra) e de Cabo Corrubedo ata Cabo Estaca de Bares (na provincia da Coruña) comeza este sábado e rematará o vindeiro 12 de novembro.
Así o especifica a resolución pola que se aproba o plan de xestión destas especies para a campaña 2017-2018, que establece o período de veda para este ano nas provincias da Coruña e Pontevedra dende as 00:00 horas do sábado 17 de xuño ata as 00:00 horas do domingo 12 de novembro.
O período de veda significa que queda expresamente prohibida a captura destas especies para todas as embarcacións con artes menores e con porto base na nosa comunidade e tamén para aquelas que, tendo porto base noutras comunidades, teñan permisos especiais de pesca para faenar en augas galegas.
A veda é unha das medidas que contribúe a aumentar a biomasa e a regular a pesquería da centola e do boi co fin de axustar a xestión pesqueira ao ciclo de vida da especie e así protexer a súa reprodución e contribuír a unha explotación máis sustentable.