Os veciños coñecen como vai quedar o barrio logo das obras de reforma da rúa Gorgullón
Por Redacción
O próximo 6 de xullo todos os veciños do barrio do Gorgullón e Eduardo Pondal coñecerán os detalles da obra de reforma que promove o Concello de Pontevedra na rúa do Gorgullón nunha asemblea veciñal, pero antes xa tivo oportunidade de falar da obra coa administración local a directiva da asociación de veciños Eduardo Pondal.
O concelleiro de Obras e Mobilidade, Demetrio Gómez, reuniuse coa directiva da asociación co fin de darlles a coñecer o proxecto de reforma, que estenderá o modelo Pontevedra ao acceso máis urbano do Camiño Portugués a Santiago.
Segundo informou o Concello, á reunión acudiu un grupo de veciños da rúa para saber máis do proxecto coa idea errada de que era unha convocatoria xeral. De todos os xeitos, Demetrio Gómez mantivo con eles unha conversa previa e anuncioulles a próxima convocatoria dunha asamblea aberta a toda a veciñanza.
Neste primeiro contacto aproveitaron para facer un primeiro intercambio de pareceres, pero a asemblea terá o fin de que coñezan ao detalle a proxecto elaborado polo Concello, dar resposta ás dúbidas que formulen e recoller suxestións.
A directiva da asociación Eduardo Pondal acolleu dun xeito positivo a reforma, segundo indicou o concelleiro de Obras e Mobilidade.