Recoñeces estas chaves ou ferramentas? Están na Comisaría á espera do seu dono
Por Redacción
Un mes despois da detención e ingreso en prisión de cinco mozos pola onda de roubos en comercios e bares da cidade dos últimos meses algúns dos obxectos recuperados pola Policía Nacional nos seus domicilios seguen á espera de que aparezan os seus donos. Desde a Comisaría Provincial volven facer un chamamento á colaboración cidadá para localizalos.
A Policía Nacional pide a axuda de todos os cidadáns que poidan recoñecer os obxectos intervidos aos supostos ladróns. Moitos deles xa non están na Comisaría porque, tras a detención e difusión de fotos, os donos apareceron, pero hai algúns dos que non teñen ningunha pista sobre a quen pertencen.
Os axentes chaman á colaboración cidadá sobre todo para localizar aos donos das chaves localizadas, pero tamén hai ferramentas e outro tipo de obxectos como un guitarra que aparecen nas imaxes que acompañan esta información. Se alguén recoñece algún como seu, tan só ten que dirixirse á Comisaría da rúa Joaquín Costa de Pontevedra e alí poderá recollelo unha vez que acredite que é o propietario.
Os obxectos foron intervidos a cinco mozos pontevedreses de entre 19 e 27 anos que están en prisión provisional como presuntos autores de polo menos 45 roubos con forza en comercios e locais de hostalería de Pontevedra, Redondela, Vilaboa, Moaña ou Soutomaior.
Segundo explicaron desde a Policía Nacional, nos cinco rexistros realizados nos domicilios dos cinco detidos recuperáronse un bo número de obxectos e 1.600 euros en metálico. Os cinco detidos están considerados os responsables da onda de roubos en comercios e bares da cidade rexistrada nos últimos meses e doutros delitos cometidos en zonas limítrofes desde o pasado mes de novembro.
Relacionadas:
-
Dez persoas sentarán no banco pola vaga de 51 roubos en bares e comercios de Pontevedra
Por Natalia Puga |
-
Estes obxectos buscan dono e a Policía Nacional pide colaboración para atopalo
Por Natalia Puga |
-
Prisión para os cinco integrantes dun grupo criminal polos roubos en comercios dos últimos meses
Por Natalia Puga |