Bueu organiza unha nova edición de Ecobueu, o seu mercado ecolóxico de referencia
Por Redacción
Unha carpa situada na praza Massó acollerá o próximo 25 de xuño, a partir das once da mañá, a novena edición de Ecobueu, o mercado organizado polo Concello de Bueu e que ofrece unha aposta decidida polos produtos ecolóxicos, naturais e artesanais.
O proxecto, que xurdiu no ano 2013, ten como finalidade revitalizar e promover o consumo de produtos de proximidade, e de aí que na feira se poidan adquirir e degustar queixos de cabra artesáns, chourizos e xamóns de porcos celtas criados ceibes, pan e bolos feitos con fariñas ecolóxicas, mel de alta montaña cru e sen filtrar, ademais de artesanía feita a man.
Os diversos postos estarán abertos ata as nove da noite, e complementaranse con actividades paralelas para todos os públicos.
Así, ás 12 horas, haberá un obradoiro para a rapazada de preparación e degustación de almorzos saudables, seguido dunha sesión vermú con actuación musical. Para a hora do xantar, os asistentes poderán degustar churros e xeados ecolóxicos, crepes doces e salgadas, paella vegana e convencional, hamburguesas ecolóxicas e repostaría ecolóxica.
Xa pola tarde, ás 18 horas, as alumnas e a profesora do curso de encaixe de bolillos do CIM organizarán unha demostración en directo. Para os máis pequenos, ás 18.30 horas, María Carrera da compañía Pinga Teatro será a encargada de facer unha visita teatralizada polo mercado.
Ás 19.30 será a quenda do obradoiro familiar de elaboración de bombas e sementes ou bolas Fukuoka, e tamén destaca a exposición de sementes da Asociación de Produtores Ecolóxicos Galegos, que se encargan da conservación de sementes locais e tradicionais.
Neste mercado, e como novidade, estará a disposición dos asistentes un posto informativo e unha exposición da campaña Residuo Mínimo, que se está levando a cabo dende a mancomunidade de concellos do Morrazo, conformada polos municipios de Bueu, Cangas e Moaña.