Para vistas, as deste banco de Samieira
Por Redacción
A moda do 'banco máis bonito do mundo' que comezou co instalado nos cantiis de Loiba, en Ortigueira (A Coruña), acaba de chegar a Poio. Localidades próximas como Marín ou Sanxenxo xa tiñan o seu banco con vistas envexables e hai escasos días estreouno Samieira.
Miguel Martínez González, un veciño de Samieira de 29 anos está detrás da iniciativa. É afeccionado á carpintería e construíu un banco de madeira que a semana pasada instalou no paseo de Laño e xa foi escenario dos primeiros 'selfies' e fotos postal.
O mozo explica que detrás desta acción está o seu desexo de "dar a coñecer o pobo", pois considera que as vistas que hai desde esa punta do paseo litoral de Poio son envexables, co mar e a illa de Tambo ao fondo.
O banco está no novo paseo que une a praia de Laño con Covelo, ao seu paso por Samieira, e quen se achegue a velo e sentar un intre poderá atoparse, segundo o seu creador, con "todo un paseo á beira do mar e con vistas do mar e da illa de Tambo". Unha imaxe que non esquecerán e que, de paso, poderán compartir nas redes sociais para empezar a dar fama este novo banco de postal.