Farmacéuticos de hospitais de toda España falan na Boa Vila de fármacos perigosos
Por Redacción
Pontevedra acolle por cuarto ano consecutivo as xornadas de farmacotecnia e elaboración de medicamentos, organizadas o servizo de Farmacia do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra en colaboración coa Fundación Biomédica Galicia Sur.
O encontro científico foi inaugurado este xoves no salón de actos do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra polo xerente de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés, José Ramón Gómez, acompañado do xefe de servizo de Farmacia do CHOP, Carlos Crespo, e do presidente da Sociedade Española de Farmacia Hospitalaria, Miguel Ángel Calleja Hernández.
Con esta cuarta edición, as xornadas consolídanse como un foro de debate e consenso sobre a preparación personalizada de medicamentos nos hospitais, a innovación tecnolóxica, a seguridade e o control de calidade.
No encontro científico, que se desenvolverá entre o xoves e o venres, participarán preto de 110 especialistas dos servizos de farmacia dos hospitais máis significativos a nivel autonómico e nacional, así como membros da industria farmacéutica que analizarán os aspectos técnicos e de innovación que permiten aos pacientes dispor dun fármaco personalizado e adaptado as súas necesidades.
O obxectivo deste evento é optimizar o proceso de prescrición, preparación e administración de medicamentos, e garantir tamén a eficiencia na utilización dos recursos.
Así mesmo, as xornadas constitúen un foro de debate para a procura dun consenso sobre a farmacotecnia e elaboración de medicamentos que engada valor aos procesos da práctica habitual e, como consecuencia, aos usuarios e aos profesionais dos centros sanitarios e das compañías farmacéuticas.