Todas as leiras de Ponte Caldelas deben estar limpas en prevención de incendios antes do 30 de xuño
Por Redacción
Todas as leiras urbanas de Ponte Caldelas deben estar limpas antes do próximo día 30 de xuño en aplicación da nova ordenanza municipal que entrou en vigor en xaneiro pasado e en prevención de posibles incendios forestais durante o verán.
O Concello recorda aos propietarios das fincas a través dun bando que a nova ordenanza municipal faculta á administración local para a imposición de multas que oscilan entre os 100 e os 3.000 euros -en función da gravidade da situación- e tamén a executar forzosamente os traballos.
O Concello notificará aos propietarios das fincas en situación de risco cando teña constancia dos feitos. En caso de non atender a orde de execución no prazo máximo dun mes, ábrese a vía ao expediente sancionador. Nos casos en que se estime oportuno, en atención á desobediencia ou á situación de risco producida, limparase con medios municipais e repercutirase a factura e a multa aos propietarios.
A ordenanza afecta a unha franxa de 50 metros ao redor do solo urbano e de núcleo rural, onde será necesario manter o solo limpo de broza e vexetación descontrolada e queda tamén prohibida a plantación de árbores de especies que propaguen o lume con facilidade, como o eucalipto, a mimosa e outras. Esta circunstancia afecta especialmente ás comunidades de montes.
O alcalde, Andrés Diaz, destaca que está a recibir numerosas queixas na Alcaldía por parte de veciños que viven apegados a fincas que, a día de hoxe, seguen sen limpar, xerando así un risco potencial que o Concello non pode permitir.
A nova ordenanza afecta tan só ao centro urbano e ao solo de núcleo rural, pero a superficie rústica ou forestal é competencia da Xunta de Galicia, de modo que non se pode regular a nivel municipal.
Relacionadas:
-
Ponte Caldelas sancionará tres veciños por desobedecer a orde municipal de limpar as súas fincas
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas reforza cun alxibe os seus medios para loitar contra incendios forestais
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas endurece a ordenanza de limpeza para unha mellor convivencia veciñal
Por Redacción |