Os deportes son valores e aprendizaxes. Esta máxima tena clara o Pontevedra Rugby Club. Esta "escola deportiva" adestra a mozos e mozas nesta disciplina e xogan partidos mixtos. Unha circunstancia que en Italia non se permitía ata o pasado mes de maio cando todos fixérono posible. Aquilo non foi unha pica en Flandes, foi unha pica en Florencia. Cóntannolo en PontevedraViva Radio e avanzan un importante proxecto futuro.
"O último que se nos podía pasar pola cabeza é que nenos e nenas de 12 e 13 anos non puidesen xogar xuntos a un deporte que lles gusta", lembra Alberto Fernández, adestrador do Pontevedra Rugby Club, cando lles dixeron o pasado maio que as tres mozas do equipo non podían competir no Torneo Internacional Citá de Firenze.
Isto sucedeu o día previo a ese encontro, a norma italiana non o permitía. No minuto cinco daquel partido que nunca esquecerán ocorría o inaudito ata a data: saíron ao campo as tres.
Elas son Uxía Martínez, Eva Lago e Alejandra Vitoria. Alejandra é a máis veterana nesta disciplina deportiva; Eva leva dúas tempadas e para Uxía é a súa primeira tempada. Todas teñen un bo futuro por diante, segundo o seu adestrador. O trío é relativamente consciente da pica que deixaron en Florencia e a transcendencia que leva. Transcendencia e aprendizaxes, que non son poucos.
Nestas Conversas na Ferrería de PontevedraViva Radio, Alberto Fernández adiántanos ademais un proxecto no que se están dando os primeiros pasos e que aúna ás dúas entidades da cidade: Pontevedra Rugby Club e Mareantes.
Ambos os clubs están a traballar para conseguir que haxa un equipo senior feminino. É dicir, que a idade e o sexo non sexan unha barreira neste deporte.