Derruban a planta de formigón de Holcim en Lourizán
Por Redacción
A empresa Holcim iniciou esta semana a derriba da antiga planta de formigón situada en Lourizán, entre a estrada a Marín e a vía férrea que linda coas instalacións da factoría de Ence.
Esta firma de formigón solicitara en febreiro ao Concello de Pontevedra a autorización para acometer estas obras de derriba. Esta actuación derívase dunha sentenza ratificada polo Tribunal Supremo en 2012 na que obrigaba á Dirección Xeral de Costas a recuperar a concesión destes terreos que forman parte de zona de dominio público marítimo terrestre de Lourizán.
A denuncia fora formulada polo colectivo Salvemos Pontevedra.
O terreo foi obxecto de concesión en 1949 a Ramón Dios para destinalo a terras de labranza. Co paso dos anos, sen traspaso concesional, segundo denunciaba Salvemos Pontevedra, estes terreos foron utilizados por Horpasa, unha empresa de pavimentos e posteriormente por Holcim de Hormigones.
Esta mesma empresa a finais de febreiro solicitara ao Concello de Pontevedra información urbanística sobre posibles usos que se poidan acometer neses terreos.