Nin un neno sen gozar das atraccións de feira este verán
Por Redacción
Ao igual que xa fixo o verán pasado, Marea Pontevedra esixirá este ano ao Concello de Pontevedra que os nenos en situación de exclusión social poidan gozar das atraccións nas festas do verán a través dunha intervención municipal que poña á súa disposición fichas para poder usar as distintas instalacións postas en marcha na feira.
O partido que lidera Luís Rei presentou en 2016 unha moción reclamando que as familias con nenos e adolescentes en risco de exclusión ou de vulnerabilidade social teñan estas fichas para as atraccións das festas de Santiaguiño do Burgo e da Peregrina.
A pesar de que a moción se aprobou, deuse unha situación de falta de orzamento consignado para esta actividade, de modo que a solución foi chegar a un acordo cos feirantes, que doaron preto de 3.000 euros en fichas, e coa Fundación Meniños, que as repartiu.
En 2016 os feirantes entregaron 981 fichas, que foron repartidas entre 131 menores de 17 anos de 64 unidades familiares distintas, unha media de sete fichas por neno.
Este ano, reiteran a petición e insisten, ademais, en que se incrementou a cantidade de familias que padecen unha situación de empobrecemento. Hai entre 150 e 175 menores nesta situación que poderían beneficiarse de fichas para o tiovivo ou os cochiños, entre outras atraccións.