O Sergas instala equipos autónomos de frío para combater a calor no Provincial
Por Redacción
O Hospital Provincial combaterá as altas temperaturas que se rexistran no seu interior con equipos autónomos de frío. O Sergas comezou a instalar estes aparatos en diferentes estancias do centro, un traballo que continuará a próxima semana.
En concreto, a dirección do complexo hospitalario acordou distribuír nos últimos días dez destes equipos móbiles de arrefriamento nas diferentes áreas de hospitalización e nas zonas de hospital de día.
A finais desta semana e principios da próxima, está prevista a chegada de dous equipos máis das mesmas características.
Desta maneira, sumado aos ventiladores de aspas e de torre que foron adquiridos en anos anteriores, con este sistema quedan cubertas, segundo o Sergas, a totalidade das áreas de hospitalización e as zonas máis sensibles do centro hospitalario.
Tamén se redobrou os esforzos nos hospitais de día, onde, malia que non están ingresados, os pacientes permanecen un período de tempo prolongado.