Bueu abre as inscricións para o Verán de xogos
Por Redacción
O Concello de Bueu, a través da concellaría de Mocidade, abre este xoves 15 de xuño as inscricións para participar no programa Verán de Xogos, que inclúe actividades lúdico - educativas e de animación para o tempo de lecer e que se desenvolverá do 3 de xullo ao 1 de setembro nas instalacións do CEIP A Pedra.
O programa vai dirixido á rapazada de 3 a 12 anos, e as inscricións realizaranse a través do rexistro xeral do Concello ou na sede electrónica antes do 22 de xuño.
En total ofértanse 130 prazas distribuídas en tres grupos. O primeiro desenvolverase cinco días á semana e ten un custe de 70 euros ao mes. O segundo inclúe tres días á semana, e custa 42 euros ao mes e o último consta de dous días semanais e custa 28 euros mensuais.
A admisión farase tendo en conta aos nenos empadroados en Bueu e as quendas de maior duración. Se unha vez aplicados estes criterios as prazas seguisen sendo insuficientes, convocarase un sorteo público para o 23 de xuño no auditorio do Centro Social do Mar.
LUDOTECA DE BELUSO
Por outra banda, dende a Anpa Cabo Udra de Beluso organizan a súa propia ludoteca de verán do 3 de xullo ao 31 de agosto, na que se poden inscribir todos os nenos independentemente do seu centro escolar. As actividades desenvolveranse no CEIP Montemogos e inclúen obradoiros, xogos, teatro e excursións.
A organización estipula dúas formas de pre inscrición. Para o alumnado do colexio de Beluso enviaranse as fichas á casa e para os outros nenos debe solicitarse a ficha de inscrición a través do correo electrónico anpacaboudra@hotmail.com.