O requeixo, de novo protagonista na Corredoira
Por Redacción
Un total de 250 pezas artesanais de requeixo elaboradas por unha vintena de veciños da zona será o principal atractivo da trixésimo oitava edición da Festa do Requeixo da Corredoira, que se celebrará este venres 16 de xuño.
A festa foi presentada no consistorio de Carballedo polo presidente, Jorge Cubela, e Moisés Fraguas, da comisión organizadora.
Fraguas explicou que a cifra de requeixos mantense respecto ao pasado exercicio e que sairán á venda a un prezo de entre 10 e 12 euros.
Ademais, tras indicar que comezará o venres ás 20.00 horas, aconsellou aos asistentes acudir ben cedo, xa que estas pezas, moi cobizadas ao tratarse de requeixos tradicionais de elaboración propia, "soen rematarse en pouco tempo".
Cubela agradeceu "o esforzo da comisión, a continuidade no tempo e a orixinalidade e calidade dos requeixos" que permiten ao concello contar cunha festa gastronómica de primeiro nivel e amosouse convencido de que, cando menos, se repetirá a asistencia da pasada edición, cifrada entre 1.500 e 2.000 persoas.
O programa festivo complétase o propio venres, tras a degustación e venda dos requeixos, cunha cea popular a base de polbo, churrasco e viño do país e coa música do grupo de gaitas Os Abrentes de Cerdedo e das orquestras Miramar e Samba.
Xa o sábado, haberá misa solemne desde as 13.00 horas seguida de procesión acompañada pola Banda de Música de Cerdedo e, xa pola noite, a verbena coas orquestras Blue Star e Reflejos.