O BNG pide aclaracións a Cubela sobre os fondos públicos outorgados aos Trazantes de Tenorio
Por Oskar Viéitez
O BNG de Cerdedo-Cotobade acaba de emitir un comunicado no que din estar "inquietos ante a situación delicada aberta entre a exconcelleira do PP de Cubela e a histórica asociación cultural Os Trazantes de Tenorio".
A nova directiva desta asociación asegurou que "houbo mala xestión do diñeiro do colectivo" por parte da ex presidenta e ex concelleira popular, María Pichel.
Os nacionalistas consideran "moi grave que aínda non se deran as explicacións oportunas por parte de quen, ata agora, tiña a responsabilidade de dirección da asociación". Pero asegurán que "máis grave" parécelles "a intención clara por parte de Cubela de tentar tapar, maquillar e mesmo desviar a atención dos graves feitos" protagonizados por un membro do PP local con responsabilidades de goberno ata hai poucos días.
"Máis aló dos feitos tórnase como un caso vergoñoso e totalmente reprobable, que ben merece unha aclaración do ocorrido coa reposición dos supostos fondos mal xestionados por parte da expresidenta da asociación e, cando menos, a sociedade cotobadesa en xeral e os Trazantes en particular, ben se merecen unha desculpa por parte do señor Cubela por contar cunha persoa pouco exemplarizante no goberno municipal", engade o escrito remitido polo BNG.
O Bloque esixe ao alcalde Jorge Cubela "unha condena pública polos feitos que se fixeron públicos e o dano social repercutido á histórica e cultural marca Trazantes símbolo de loita e compromiso por parte dun pobo ao longo das últimas décadas".
Ademais solicitan ao alcalde "que pida contas á súa compañeira de filas respecto do destino dos 6.750 euros achegados polo propio goberno do PP nos últimos, polo menos, dous anos ao amparo das cifras publicadas saíntes do diñeiro público municipal".
"Xórdennos estas e outras dúbidas neste caso de claro mercantilismo e utilización política practicado á conta dunha das máis prestixiosas e carismáticas asociacións folclóricas da comarca, Os Trazantes, por parte do PP en conivencia coa Alcaldía de Cotobade, pero os membros do BNG de Cotobade solidarizámonos coa situación delicada na que se atopa a asociación e poñémonos á súa disposición para axudarlles nesta nova etapa que aínda que dura chegará a bo porto grazas ao compromiso dos alumnos e os seus familiares que forman Os Trazantes de Tenorio, organización folclórica-cultural da que sentimos parte e ben orgullosos", finaliza o Bloque Nacionalista Galego.
Relacionadas:
-
A asociación Os Trazantes de Tenorio quere desmarcarse das loitas políticas polo caso María Pichel
Por Redacción |
-
Cubela critica que o PSOE queira "enmerdar" ao Concello cun suposto caso de malversación
Por Oskar Viéitez |
-
Presenta a dimisión a concelleira do PP en Cerdedo-Cotobade, María Pichel, denunciada por malversación
Por Oskar Viéitez |