Un único convenio regulará a todos os empregados municipais de Sanxenxo
Por Redacción
Cambio na política laboral de Sanxenxo. O alcalde anunciou este martes que todos os empregados municipais rexeranse por un único convenio, a diferenza da proposta do tripartito, que apostaba por dividir ao persoal en dous.
Así llo trasladou Telmo Martín aos representantes de Comisións Obreiras. O convenio abarcará, por tanto, aos traballadores de Terra Sanxenxo, Nauta Sanxenxo, os servizos sociais, funcionarios do Concello e persoal laboral.
O alcalde ten previsto manter reunións co resto de sindicatos, para chegar a un acordo e constituír unha mesa de negociación do novo convenio, fixando como data da primeira reunión principios de xullo.
A diferenza do criterio do executivo anterior, o novo goberno é partidario de negociar un só convenio, que regule as condicións de emprego do conxunto do persoal do Concello de Sanxenxo e da totalidade de entes e organismos públicos dependentes do mesmo.
Este convenio regularía e facilitaría o normal desenvolvemento das relacións de traballo do persoal na entidade local e terá carácter necesario e indivisible para todos os efectos, no sentido de que as condicións pactadas neste constitúen un todo orgánico e unitario.
O obxectivo do goberno é traballar para recuperar o tempo perdido e que o novo convenio poida aprobarse na sesión plenaria de finais de setembro.
Os límites do convenio serán, avanzan desde o goberno municipal, os establecidos na normativa legal e regulamentaria aplicable ás administracións públicas nesta materia.
Relacionadas:
-
Sanxenxo agarda ter novo convenio laboral, como moi tarde, a principios do outono
Por Redacción |
-
Vanessa Rodríguez acusa a Telmo Martín de "beneficiar a Comisións Obreiras" polo seu labor de "desgaste e oposición" ao tripartito
Por Redacción |
-
Comisións Obreiras demanda o Concello de Sanxenxo por negociación ilegal
Por Oskar Viéitez |
-
O PP considera unha "total pérdida de tiempo y de dinero" a auditoría de persoal do Concello de Sanxenxo
Por Oskar Viéitez |
-
O goberno local de Sanxenxo contraataca e acusa a CC.OO. de intentar coaccionalo
Por Redacción |