O goberno provincial asegura que Ponte Caldelas é un dos concellos máis beneficidos polos investimentos da Deputación
Por Oskar Viéitez
O goberno provincial investiu o ano pasado no concello de Ponte Caldelas 787.787,88 euros, cantidade que, ademais, representou unha cifra de 141,36 euros por cada un dos 5.573 habitantes cos que conta este municipio.
Nun comunicado o goberno que preside Carmela Silva, asegura que só no que respecta o Plan Concellos, Ponte Caldelas recibiu 496.000 euros, o que xa supuxo un aumento dun 26%, 102.000 euros máis, sobre as cantidades investidas polo goberno anterior na Deputación de Pontevedra que presidiu Rafael Louzán.
Así, fronte ás acusacións do Partido Popular de Ponte Caldelas, que sinalan que este concello non recibiu "nin un euro no que vai de mandato" por parte da institución provincial, aseguran que estas valoracións son "irreais e torticeiras" e rebate as tesis dos populares sinalando que "a Deputación está a facer un importante investimento neste concello e mesmo aumentando as cantidades asignadas de ano en ano".
Engaden que o goberno provincial aprobou este ano unha partida superior ós 545.000 euros para Ponte Caldelas dentro do marco do Plan Concellos 2017, unha cantidade que vén significar un aumento de case 50.000 euros e case 10 puntos en relación co investimento que recibiu o ano pasado no Plan Concellos 2016 . Tendo en conta que o incremento medio provincial respecto ao exercicio anterior está situado en tres puntos, "queda claro que a suba rexistrada en Ponte Caldelas supéraa en máis dun 300%".
Neste escrito insisten en que "se se comparan as cantidades recibidas en 2015 e en 2017, este ano Ponte Caldelas conta cun 38% máis de investimentos no Plan Concellos que hai dous anos, isto é, 150.820,73 euros máis".
Durante 2016, ademais dos investimentos producidos ao abeiro do Plan Concellos 2016, Ponte Caldelas tamén recibiu outros 58.000 euros en materia de emprego, 34.000 euros na área de mobilidade, outros 27.000 euros en cohesión social e xuventude, máis de 23.000 euros en cultura e lingua, máis de 13.000 euros en cooperación para realizar actuacións no sendeiro azul da Calzada, preto de 8.000 euros en igualdade e outros 2.000 euros para o deporte.
Dos 545.000 euros do Plan Concellos 2017, ata o momento Ponte Caldelas xa recibiu máis de 160.000 euros a través das distintas liñas do plan: preto de 20.000 euros para instalar cubertas nas pistas de pádel e de patinaxe de Chan da Barcia, 6.500 euros para adquirir un vehículo turismo, preto de 17.000 euros destinados a gastos correntes cos que facer fronte ao seu servizo de xestión de residuos e limpeza viaria e, ademais, outros preto de 118.000 euros que permiten que a vila contrate a 11 traballadores nos seus diferentes servizos municipais.