Acepta unha condena de 35 anos por secuestrar e abusar da súa esposa e da súa filla en Vigo
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
No banco dos acusados da Sección Cuarta da Audiencia de Pontevedra sentou este martes Henry Carmona un home de 59 anos, natural de Colombia, que recoñeceu ante o tribunal que entrou sen permiso no que fora o domicilio familiar, onde, coa axuda doutras dúas persoas, maniatou e ameazou durante horas á súa filla e á súa esposa, de quen tamén abusou sexualmente.
"Estas son cosas que suceden de lo mal que uno lo pasa cuando queda sin trabajo", tratou de xustificar Henry Carmona ante o tribunal. "Me arrepiento mucho", engadiu.
Henry Carmona chegou a un acordo co fiscal xefe Juan Carlos Aladro durante o transcurso do xuízo despois de romper de maneira inesperada o que xa alcanzaran inicialmente.
Na súa declaración durante a vista oral o acusado negou ter abusado sexualmente da súa muller e da súa filla menor, admitindo que incumpriu a orde de afastamento e acompañado de dous homes armados entrou no domicilio da súa ex parella no centro de Vigo. Igualmente negou que as golpease e ameazase con explotar unha bombona de butano á que cortou a goma.
Con todo o testemuño da súa ex muller resultou determinante no desenvolvemento do xuízo. Na súa declaración por videoconferencia ratificou a súa denuncia e relatou a tortura á que foron sometidas por Henry o 19 de xaneiro de 2015.
"Para mí han sido los tres años más duros de mi vida", sinalou a muller
"Para mí han sido los tres años más duros de mi vida", sinalou a muller antes de explicar ásSala a súa versión dos feitos. "He intentado olvidar".
Cando chegou á súa casa aquel día estaban a esperala o seu marido e dous descoñecidos. Do mesmo xeito que fixeran previamente coa súa filla a ela tamén a maniataron para deixala encima da súa cama, cada unha nunha habitación distinta.
Segundo contou, Henry Carmona "me quiso asfixiar poniéndome un trapo en la boca y tapándome la nariz", ademais lle "pinchó" cun coitelo e agrediuna "llenándome la cara y el cuerpo de moratones", relatou entre bágoas. Logo obrigouna a practicar sexo. "Yo no deseaba mantener esas relaciones", dixo, "tenía miedo". Das agresións sexuais que tamén sufriu a súa filla a nai asegurou que non soubo nada ata que escoitou á menor relatando o ocorrido á forense.
"No creía que esta persona nos odiase de esta manera para hacernos tanto daño a mi hija y a mi", explicou ás maxistradas. "Eran sentimientos encontrados porque él es el padre de mi hija", engadiu.
Tamén ratificou que Henry Carmona chegou a manipular a bombona dunha estufa á que cortou a goma. "Encendía el mechero intentando que estallara toda la casa con nosotros dentro" dixo a muller.
Logo lograron tranquilizalo e a súa filla aproveitou un descoido para pedir por Instagram a un amigo que alertase á Policía Nacional que se acudiu na vivenda e detivérono.
Tras escoitar esta declaración, o acusado si recoñeceu os feitos e asumiu a pena de 35 anos que lle expuxo o fiscal. Por dous delitos de detención ilegal pídenlle 5 anos e seis meses de prisión e 4 anos polo outro. Polos dous delitos de agresión sexual pide 12 anos e 13 anos e seis meses. Por malos tratos pide 57 días de traballos en beneficio da comunidade.
Xunto coa pena de cárcere, a Fiscalía solicita unha indemnización de 41.200 euros polas secuelas e as lesións que lle causou a ambas as mulleres. Ademais, o fiscal solicitará que, unha vez saia de prisión, estea 20 anos en liberdade vixiada e que se decrete unha nova orde de afastamento con respecto ás dúas vítimas como mínimo por un período superior en tempo de dez anos á pena de cárcere que se lle impoña.
O tribunal ditará sentenza nos mesmos termos acordados na conformidade.