Carlos Sánchez Montes é como se di popularmente, pontevedrés polos catro custados. A súa carreira profesional militar como oficial do Exército de Terra tróuxolle de novo á capital en 1997, á base General Morillo de Figueirido. En 2012 comezou a cambiar a súa "primeira vida" cando lle diagnosticaron unha Hepatite C. A medicación non era o remedio para a súa curación e por tanto a súa única solución para seguir vivindo era un transplante. A comezos de 2013 entrou na lista de espera dun órgano, cunha espada de Damocles encima de menos dun ano de tempo.
En novembro recibe unha chamada informándolle dun posible trasplante; con todo non resultou compatible o órgano. Carlos lembra perfectamente que ás 13.02 horas do un de xaneiro de 2014 chega unha segunda chamada que lle comunica que hai outro órgano doutro doante. Así que nunca un refrán foi tan acertado: ano novo vida nova.
O feito de que cando foi trasplantado non puidese contrastar as súas sensacións con outra persoa que pasase pola circunstancia, levoulle a estar ao tanto de cando hai persoas trasplantadas para apoiarlles e axudarlles na nova tesitura, sinala neste Cara a cara de PontevedraViva Radio.
O deporte sempre lle acompañou. De feito, tomou parte en tres ocasiones da selección española de voleibol. Agora compite en pádel e atletismo (lanzamento de peso, disco, bóla e xavelina). O seu adestrador, Santiago Ferrer Moreira, ten que frealo, porque se por Carlos fóra "estaría a adestrar mañá e tarde".
Durante unha semana máis de duas mil persoas vindas de todo o mundo daranse cita en Málaga para participar nos XXI Xogos Mundiais para Trasplantados. É unha convocatoria deportiva pero é tamén unha "festa da vida" para agradecer esta segunda oportunidade vital que lles deron quen doou os seus órganos.