5.000 manifestantes enfróntanse ao temporal en defensa da Sanidade pública
Por Diego Torrado & Oskar Viéitez & Anxo Lourido
"Sabemos que a Sanidade é incompatible co negocio. Por iso queremos un Hospital público e único" con frases así pronunciadas polo doutor Fernando Filgueira na Praza de España concluía a manifestación organizada pola plataforma SOS Sanidade Pública.
Segundo os organizadores, ao redor de 5.000 persoas acudiron á convocatoria deste xoves 21 na Praza da Ferraría, unha cifra moi inferior á que pretendían obter de 20.000 asistentes, segundo anunciara o doutor Francisco Sánchez Vizoso. Non obstante, as inclemencias do tempo xogaron en contra desta mobilización cidadá. Non en van, durante o transcurso, cando a cabeceira entraba na rúa Joaquín Costa caeu unha tromba de auga que "acelerou" o ritmo dunha marcha que se desenvolveu practicamente en silencio e cos paraugas abertos.
Soamente na cabeceira se coreaban cánticos contra a privatización da sanidade do tipo: "O público é servizo; o privado, beneficio".
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, lamentou antes do inicio da marcha "a deriva de servizos e de inversión pública. Iso xera máis desigualdades sociais. Hai que cambiar este modelo económico de recortes. Hai que loitar contra este sistema. Na sanidade están levando a cabo reducción de plantillas, de servizos e aplican o copago de medicamentos. Aguantase polos profesionais pero haberá un momento en que se empece a resentir un sistema que era o mellor do mundo en relación calidade-prezo".
Xunto ao rexedor encontrábanse numerosos representantes do Partido Socialista, do BNG, Esquerda Unida, Anova, Xuventudes comunistas e deputados de AGE. Non obstante, ningún representante do Partido Popular acudiu a esta manifestación na que si se detectaba a presenza de numerosas familias e de persoas de avanzada idade.
Na lectura do manifesto, o doutor Fernando Filgueira fixo precisamente referencia ás persoas que máis van sufrir polos recortes sanitarios: "Esta política incrementará a desigualdade nalgo tan sensible como a saúde das persoas, en detrimento sobre todo dos máis necesitados. Todas estas medidas afectan aos máis maiores, enfermos, necesitados e con menos ingresos, aos que van dificultar o acceso á atención e aos coidados sanitarios, poñendo en risco as súas vidas. Vai medrar a desigualdade, a dor, a marxinación e a inseguridade das persoas cando son máis vulnerábeis, que é cando están doentes".
E de fondo, baixo os paraugas, cántabase: "que chova, que vente... a saúde non se vende".