O PP di que a Deputación non investiu un euro en Ponte Caldelas no que vai de mandato
Por Oskar Viéitez
O Partido Popular de Ponte Caldelas valora "moi negativamente" os dous anos do alcalde Andrés Díaz á fronte do Concello.
Segundo os populares, nestes dous anos o Concello de Ponte Caldelas "pasou de ser un municipio de referencia na comarca na captación de investimentos e en prestacións de servizos aos seus veciños para pasar a ser un municipio no que a Deputación non investiu un euro no que vai de mandato".
O PP tamén destacou o feito de que Ponte Caldelas é "o único concello de Galicia que pechou un Centro de Información a Muller (CIM) e tamén se suprimiu o servizo de Protección Civil".
Ademais critican que nos dous anos de mandato non se fixo ningunha obra de importancia nas parroquias do municipio, nin levou a cabo ningunha promoción para atraer empresas ao polígono industrial da Reigosa.
Para o Partido Popular, o Concello de Ponte Caldelas "só é coñecido pola cantidade de fotos que se fai o seu alcalde indo de festa en festa", e polas súas "pelexas" con Carmela Silva polas primarias do PSOE e polo seu "enfrontamento constante" con outras administracións.
Finalmente o PP conclúe que tras dous anos de goberno "demóstrase que o cargo de alcalde quédalle cada día máis grande a Andrés Díaz, porque un alcalde ten que facer algo máis que festas, excursións e fotos".