Saen do Pazo Provincial cun contrato baixo o brazo
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, recibiu este luns no Pazo Provincial aos 181 integrantes do Plan de Práctica Laboral que puxo en marcha a administración provincial para os concellos e para os seus propios servizos.
Carmela Silva animou este luns aos bolseiros a aproveitar a súa experiencia na administración local e a "tomalo con ilusión e con motivación porque realmente se aprende moito porque ides traballar con técnicos e técnicas que vos van a saber transmitir toda a súa experiencia".
Este ano ofertáronse 200 bolsas, ao igual que o ano pasado, presentáronse preto de 1.000 persoas e adxudicaron 181 para mozos con títulos universitarios ou ciclos formativos de grao superior de formación profesional, sen experiencia laboral previa no ámbito das súas titulacións e coa finalidade de promover e completar a súa formación en áreas de coñecemento ou actividades que poidan facilitar a súa futura incorporación ao mercado laboral.
As bolsas son por seis meses aínda que prorrogables outros seis meses máis.
Silva tamén instou a todos os bolseiros a actuar con liberdade para comentar todas aquelas cousas que non funcionen ben ou que se podan mellorar.