Poio recibe un préstamo sen intereses para reformar a rúa Benigno Esperón
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asinou este luns un convenio co alcalde de Poio, Luciano Sobral, mediante o cal o concello recibirá da caixa de anticipos un préstamo sen intereses.
"Antes tiñan un interese dun 2% pero desde que nós chegamos ao goberno da Deputación son sen xuros", lembrou Carmela Silva. Este ano destináronse un millón de euros á caixa de anticipos e asináronse préstamos cos concellos de Catoira, Fornelos e A Lama, este luns con Poio e Arbo e proximamente con Ponteareas que solicitou preto de 400.000 euros.
Neste caso o Concello de Poio recibirá 136.321 euros para mellora de servizos e reurbanización da rúa Benigno Esperón, na contorna do Casal de Ferreirós.
Luciano Sobral expresou a "satisfacción e agradecemento" do goberno local por poder acudir a este mecanismo de axuda "para poder investir e acometer melloras".
A "reforma integral" da rúa Benigno Esperón era "necesaria" e moi demandada polos veciños, segundo valorou o alcalde. Van renovar todos os servizos (auga, rede de sumidoiros, gas, electricidade, iluminación), tamén as beirarrúas e o propio pavimento da calzada.