Xuño xa enche de bañistas as praias das Rías Baixas
Por Diego Torrado
A calor deste segundo fin de semana do mes de xuño provocou que miles de bañistas se achegaran ás praias das Rías Baixas, que na maioría dos casos xa se atopan en perfectas condicións para recibir aos visitantes que buscan sol.
A presenza do anticiclón manterase ao longo de toda esta semana e as temperaturas continuarán subindo. As previsións do Servizo de Meteogalicia alertan de que, a vindeira fin de semana, os termómetros marcarán 35 graos de temperatura e o tempo será seco e cálido en toda a comunidade galega.
O Ministerio de Sanidade lembra que a exposición excesiva ao sol é un perigo importante para a saúde e alerta de que ningún protector solar ofrece protección total fronte aos riscos derivados da radiación, por este motivo aconsella non permanecer moito intre ao sol aínda que se use un produto de factor de protección solar alto.
Sanidade recomenda evitar a exposición solar, sobre todo entre as 12.00 e as 16.00 horas e aconsella non durmir baixo os efectos do sol. Tamén advirte para que non se expoñan aos raios os menores de 3 anos, ademais de recomendar un protector solar adecuado para cada tipo de pel e zona do corpo tendo en conta o fototipo, a idade e as circunstancias da exposición solar.