Busca a sombra: agárdanse temperaturas de máis de 30 graos para toda a semana
Por Diego Torrado
As altas presións entrarán en forma de cuña desde as Azores durante toda a xornada deste luns 12 de xuño achegando estabilidade nas Rías Baixas. Os ceos permanecerán despexados en toda Galicia a partir do mediodía. As temperaturas manteranse sen grandes cambios, con lixeiro ascenso no sur da comunidade. Situaranse entre os 15 e os 32 graos. Os ventos soprarán do nordeste, moderados no litoral.
Durante o martes, Galicia atoparase, segundo o servizo de Meteogalicia, nunha área intermedia, con aire cálido en superficie e frío en capas medias e altas provocando inestabilidade. Espéranse ceos nubrados con nubes de tipo medio e alto en xeral. As temperaturas mínimas ascenderán moderadamente situándose sobre os 18 graos mentres que as máximas manteranse sen cambios significativos marcando os termométros os 33 graos. Os ventos soprarán do nordeste moderado no litoral.
Xa o mércores, Galicia quedará baixo a influencia das altas presións situadas sobre as illas Azores, achegando unha xornada de estabilidade. Os ceos estarán despexados en xeral nas Rías Baixas. As temperaturas continuarán sen cambios significativos. Os ventos soprarán frouxos de compoñente norte no litoral e de dirección variable no resto.
A partir do xoves, o anticiclón comezará a subir de latitude ata situarse ao norte da península ibérica. Desta forma, o tempo permanecerá seco e asollado coa entrada dunha masa de aire moi cálido desde o sur. Os valores serán moi elevados para esta épcoa do ano. Espérase que as temperaturas alcancen os 34 graos durante a xornada do sábado.