Alertan os veciños do Grove da necesidade de censar as galiñas para evitar a gripe aviaria
Por Redacción
A presenza de casos de gripe aviaria en España e noutros puntos de Europa en aves silvestres e en aves de curral obrigou o Concello do Grove a lembrar aos veciños a necesidade de censar as aves das explotacións avícolas non comerciais.
A Xunta de Galicia estableceu unha orde pola que obriga a desenvolver un rexistro administrativo de explotacións avícolas non comerciais, currais familiares, que permita realizar un seguimento de posibles casos de gripe aviaria.
Para elaborar este censo, as persoas que teñan currais familiares deberán cubrir un formulario que estará a disposición nas dependencias do edificio administrativo.
Indícanse ademais consellos como recluír as aves en espazos cubertos ou polo menos que os bebedoiros e comedoiros das aves se atopen illados do exterior. Deberán manterse as aves no exterior cubertas por unha rede paxareira ou por un dispositivo similar que impida o contacto coas aves silvestres. No caso de parrulos ou gansos, deberán criarse separadamente das demais especies de aves.
Os veciños que queiran obter máis información deberán acudir ao Servizo de Medio Ambiente do Concello do Grove ou aos Servizos Veterinarios Oficinas da Oficina Agraria Comarcal máis próxima. A Consellería do Medio Rural tamén estableceu o teléfono 012 para comunicar calquera mortaldade ou enfermidade anormal que se observe en galiñas ou outras aves.