Poucos devotos para o San Benitiño de Inverno
Por Diego Torrado
A ameaza de temporal e a sombra do San Benitiño de Verán desluciron este xoves a celebración do San Benitiño de Inverno no mosteiro do Divino Salvador de Lérez. Decenas de persoas achegáronse ao templo para mostrar a súa devoción ao santo máis milagreiro, pero a celebración quedou a anos luz da que cada 11 de xullo chea o recinto.
Os máis devotos non faltaron á cita, que incluíu actos litúrxicos cada hora e, despois da eucaristía das 13.00 hroas, unha procesión. Ademais, repetíronse as doazóns de diñeiro colgadas na imaxe de San Benito, a compra de aceite bendito (nesta ocasión sen apenas colas) e os fregueses que quixeron pasar por debaixo do santo para seguir a tradición.
Tras as ofrendas de velas e misas, algúns dos asistentes non quixeron irse do recinto se pasar pola mesa na que se servía polbo á feira.