Medio Rural entrega motobombas para reforzar a loita contra os incendios
Por Redacción
A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, participou este venres na entrega de 12 novas motobombas para os distritos forestais de Galicia, tres na provincia de Pontevedra que estarán localizadas nos concellos de Cerdedo-Cotobade, Moraña e Pontevedra.
Desta forma, a Xunta renova os vehículos motobomba para mellorar a eficacia do dispositivo de loita contra os lumes forestais no seu conxunto e antes de que comece a tempada de alto risco de incendios.
A empresa gañadora do concurso para a adquisición deste lote de motobombas foi Uro Vehículos Especiales S.A. por un importe de 2,5 millóns de euros. O 80% deste orzamento está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020. Estes vehículos están equipados cunha cisterna de 4.200 litros e cabina sinxela (con capacidade para 2 persoas).
Ángeles Vázquez avanzou que en breve entregaranse novas motobombas aos concellos e aos demais distritos forestais.
Para a campaña de alto risco de incendios forestais, que comeza o vindeiro 1 de xullo, o goberno galego contará con preto de 7.000 persoas que participan no dispositivo antiincendios, entre efectivos da Xunta, persoal do Ministerio, do exército e dos corpos e forzas de seguridade do Estado. Galicia disporá de arredor dunha trintena de medios aéreos –entre os propios da Xunta e os que aporta o Estado– e 360 motobombas da Xunta, dos concellos e dos parques de bombeiros, aos que se engaden cisternas, pas e outros vehículos.