Un colexio que garda un tesouro
Por Oskar Viéitez
O colexio Froebel garda no seu interior todo un tesouro: o Arquivo Municipal de Pontevedra.
Os alumnos tiveron este venres a oportunidade de coñecer ao "veciño de abaixo", o responsable deste servizo, Enrique Sotelo, que lles ensinou as instalacións que ocupan nos baixos do centro educativo.
"Coñezo as vosas cancións, os vosos festivais, escoito as vosas carreiras no recreo e estamos encantados de tervos aquí", saudoulles o arquiveiro.
Despois de tantos anos de coexistencia, agora decidiron colaborar e neste Día Mundial dos Arquivos, da man do Concello e a Deputación, presentaron unha unidade didáctica para divulgar que é un arquivo municipal proporcionando aos alumnos unha visión xeral dos documentos que custodia, subliñando o seu papel primordial no servizo aos cidadáns, como "alicerce fundamental para a transparencia" e recalcando a súa utilidade como fonte de investigación.
Esta unidade didáctica vai dirixida a alumnos de quinto e sexto de Primaria fomentando o seu papel de "investigadores" para estimular o seu interese por coidar e valorar o patrimonio documental.
Descarga aquí a Unidade didáctica cos debuxos de Kiko da Silva.