Cubela critica que o PSOE queira "enmerdar" ao Concello cun suposto caso de malversación
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, criticou duramente ao PSOE local por acusar "falsamente" ao Concello de mala utilización de diñeiro público e dunha posible malversación de fondos a raíz do problema de contas existente na asociación cultural Os Trazantes de Tenorio durante a xestión na súa presidencia de María Pichel, edil do goberno local que presentou a súa demisión o pasado xoves.
O rexedor agarda que os socialistas rectifiquen estas "insidias" porque as considera "moi graves e excesivas" e negou que exista unha denuncia xudicial contra María Pichel por este motivo.
Na rolda de prensa celebrada este xoves no consistorio de Carballedo, Cubela indicou que Os Trazantes terán que fixar a súa postura, pero que lle indicaron que se desmarcan das acusacións socialistas.
Cubela sinalou que "as contas do Concello son e están impolutas. Non existe nin existirá malversación nin nada que se lle pareza no meu goberno" e asegurou que "non se pode enmerdar, e perdón polo termo, a un Concello deste xeito".
Ademáis o alcalde de Cerdedo Cotobade aclarou que María Pichel non ocupaba a concellería de Cultura nin estaba integrada na comisión que outorga as subvencións, "xa que así o decidimos para evitar conflitos de intereses" e engadiu que no concello "mírase con lupa o destino de cada euro" e insistiu en que a saída desta concelleira do goberno local foi por "motivos de saúde" e defendeu a súa honorabilidade.
NOVA CONCELLEIRA
Nesta comparecencia, Cubela acompañouse de Raquel Puente, veciña de Santa María de Sacos e de 29 anos de idade, que será a futura concelleira do grupo de goberno, en substitución de María Pichel, cando remate o proceso de expedición de credenciais e tome posesión no pleno.
Puente traballa nun viveiro e estuda Administración e Dirección de Empresas.
Relacionadas:
-
O BNG pide aclaracións a Cubela sobre os fondos públicos outorgados aos Trazantes de Tenorio
Por Oskar Viéitez |
-
A asociación Os Trazantes de Tenorio quere desmarcarse das loitas políticas polo caso María Pichel
Por Redacción |
-
Presenta a dimisión a concelleira do PP en Cerdedo-Cotobade, María Pichel, denunciada por malversación
Por Oskar Viéitez |