As brigadas municipais podan as árbores que afectan ao alumeado público
Por Redacción
A brigada de Obras do Concello de Ponte Caldelas estivo atarefada en Forzáns durante os últimos días. Os operarios remataron un paquete de actuacións que consistiron na poda das polas dos árbores que afectaban aos cables aéreos do alumeado público e na execución de obras de mellora na rede de augas pluviais.
Ponte Caldelas modernizou a rede de iluminación nestes dous últimos anos e ten adxudicado o mantemento da rede a unha empresa, pero ata o de agora non estaban contempladas este tipo de labores preventivas coa masa arbórea.
"O noso obxectivo é seguir traballando cara a mellora na calidade deste servizo, porque ata hai ben pouco había constantes apagóns e para corrixir isto houbo que facer investimentos para mellorar os equipos, pero tamén hai que facer traballos preventivos como este tratamento da masa vexetal", explica o alcalde, Andrés Díaz.
Ao tempo aproveitouse a ocasión para recortar as polas que invadían a estrada de acceso a Forzáns, atendendo ás peticións recibidas dos veciños.
Por outra banda, os operarios municipais afrontaron neste núcleo un paquete de obras de mellora na recollida das augas pluviais, do mesmo xeito que xa se efectuaron en máis de 20 lugares de Ponte Caldelas. Desta volta colocáronse varias canles, grellas de recollida en puntos con moita pendente e varios metros de tubo soterrado nos puntos máis conflitivos.
Unha vez efectuadas estas obras, as pluviais deixarán de entrar polo portal de acceso a varias vivendas ou mesmo causar problemas de filtracións nas casas situadas nos puntos máis baixos.