Atención! Avistan un corzo en Juan Bautista Andrade
Por Natalia Puga
A Policía Local de Pontevedra tivo coñecemento do avistamento dun corzo na cidade. En concreto, foi visto na contorna da rúa Juan Bautista Andrade e Lérez na tarde deste martes 6 de xuño.
Unha veciña alertou á Policía Local sobre as 17.00 horas indicando que a vía na parte traseira da súa casa, detrás do supermercado Froiz de Juan Bautista Andrade. Unha patrulla policial desprazouse ao lugar, accedeu á parte traseira da vivenda e, cando estaban alí, a veciña referiulles que xusto acababa de volver ver ao animal.
Segundo relatou a muller, nesa segunda ocasión viu como o corzo se metía cara a unha zona de maleza, pero perdeuno de vista. Os axentes non puideron atopalo nas inmediacións, de modo que abandonaron o lugar, pero non sen poñer os feitos en coñecemento da Consellería de Medio Ambiente, para que teña en conta a situación e, se o considera necesario, actúe en consecuencia.
CERVEXAS Á RÚA EN BARCELOS
Na tarde deste martes 6 de xuño a Policía Local tamén recibiu o aviso por un incidente sobre as 18.30 horas na praza de Barcelos. Unha persoa indicoulles que circulaba no seu vehículo pola zona cando viu caer tres latas de cervexa dun edificio e unha delas alcanzou o seu vehículo.
Os axentes comprobaron que as botellas procedían dun quinto piso dun edificio e que as arroxara un home de 54 anos. Puxéronse en contacto con el, pero o dono do coche rexeitou presentar denuncia porque non sufrira danos.
VECIÑO SOSPEITOSO
O día anterior, sobre as 14.15 horas do luns 5 de xuño, os axentes municipais habían tido unha intervención non menos curiosa no barrio de Valdecorvos. Un veciño chamoulles porque vira a unha persoa sospeitosa saltando ao interior do patio dunha casa.
Os policías entrevistáronse coa propietaria da casa e esta contoulles que a persoa que saltou ao patio era o seu fillo. Ela pedíralle que o fixese para regar as plantas que ten nesa zona, á que ela non é capaz de acceder.