Presenta a dimisión a concelleira do PP en Cerdedo-Cotobade, María Pichel, denunciada por malversación
Por Oskar Viéitez
A concelleira do grupo de goberno María Dolores Pichel Lois presentou a súa renuncia ao seu posto na corporación municipal do Concello de Cerdedo-Cotobade por "motivos persoais".
O grupo municipal do Partido Socialista anunciou que pedirá explicacións ao alcalde Jorge Cubela polas "denuncias de malversación" que afectan "a unha concelleira do seu equipo" ao entender que é un "asunto de máxima gravidade que salpica ao goberno municipal".
Ademáis de concelleira de Promoción Económica e Turismo no Concello de Cerdedo-Cotobade, María Pichel, foi a presidenta dos Trazantes de Tenorio. Será substituída na corporación por Raquel Puente, que concorreu no noveno posto da candidatura do PP de Cotobade nas eleccións municipais de 2015 e xa manifestou ao presidente, Jorge Cubela, a súa disposición de entrar na corporación. A dimisión de María Pichel farase efectiva no vindeiro pleno, no que se dará conta da súa decisión.
Os socialistas sinalan que "o escándalo afecta á concelleira, quen era tamén presidenta dunha asociación cultural que se nutría entre outros, de fondos municipais. Despois de múltiples denuncias sobre o escurantismo na súa xestión e de dimitir alegando problemas de saúde, os novos xestores da asociación formulan contra ela acusacións moi graves, incluso de carácter delictivo".
No seu comunicado o PSOE asegura que "a concelleira é acusada de varios delitos cometidos presuntamente no exercicio do seu cargo como presidenta da asociación. Estas acusacións parten dos novos xestores e sendo graves por si solas, vólvense moito máis preocupantes cando a presunta responsable era ao mesmo tempo concelleira de Promoción Económica e a presidenta da asociación que recibía cartos públicos do concello".
Os socialistas entenden que o alcalde "non pode quedarse calado ante a gravidade dos feitos", e acusan a Jorge Cubela de manter un "silencio absolutamente cómplice".
"Non se trata dun asunto de carácter interno da asociación, senón que vai moito mais alá por dúas razóns: A presidenta da asociación era ao mesmo tempo membro do goberno que concedida as axudas e subvencións e parte dos cartos presuntamente defraudados son cartos públicos que saíron do concello. No concello no se move un papel sin orden do alcalde. Polo tanto, o alcalde debe explicarlle aos veciños a súa actuación neste turbio asunto e asumir as responsabilidades que lle corresponden", di o escrito remitido polo Partido Socialista.
Pola súa banda o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, valorou "moi positivamente" a labor desenvolvida por María Pichel ao longo destes seis anos e agradeceu "o seu intenso traballo nas concellerías que tivo que desempeñar e en todo aquelo no que podía botar unha man".
Relacionadas:
-
O BNG pide aclaracións a Cubela sobre os fondos públicos outorgados aos Trazantes de Tenorio
Por Oskar Viéitez |
-
A asociación Os Trazantes de Tenorio quere desmarcarse das loitas políticas polo caso María Pichel
Por Redacción |
-
Cubela critica que o PSOE queira "enmerdar" ao Concello cun suposto caso de malversación
Por Oskar Viéitez |