Xa se coñecen os Sanbeniteiros deste ano
Por Oskar Viéitez
O vindeiro domingo día 2 de xullo terá lugar o acto de recoñecemento dos Sanbeniteiros 2017. O evento celebrarase no Mosteiro de Lérez e consistirá na presentación dos homenaxeados este ano e a entrega dun diploma e da estola que lles acredita como membros da orde. Tamén haberá un xantar de confraternidade.
Este ano como novidade os distinguidos foron designadas polas distintas asociacións da parroquia de Lérez.
Así, os Sanbeniteiros deste ano son:
- Ernesto Filgueira, a proposta da Asociación Cultural do Cristo do Consolo.
- Jesús Filgueira Eiras, a proposta da Confraría do Santísimo Cristo do Consolo.
- A Taberna do Pailán que rexenta Pilar García Barreiro, a proposta do propio Consello Reitor.
Tamén dentro dos actos deste ano e como novidade haberá un concerto solidario do gaiteiro Óscar Ibáñez e o Coro Seitura. Será o sábado día 1 de xullo as 20:30 no adro do Mosteiro, a beneficio da asociación Amencer-Aspace. Todo o recadado neste concerto será doado a esta asociación de coidado, tratamento e apoio a persoas con parálise cerebral e outros trastornos neuromotores.
Este concerto ten un prezo de 5 euros e habilitouse unha fila cero para que aqueles que non poden asistir contribúan cun donativo.
A retirada dos billetes para estes dous eventos pode realizarse na Casa da Cultura de Lérez a partir das 18:00 horas ou na Xoiería Quique na rúa Don Gonzalo.