Sorprenden uns grafiteiros debuxando no túnel do Ave en Portas
Por Redacción
A Garda Civil identificou tres mozos como supostos autores dun grafiti que estaban a realizar nos accesos ao túnel do AVE no municipio de Portas.
Unha patrulla do Posto da Garda Civil de Caldas de Reis desprazouse ao lugar ao recibir a alerta dos servizos de seguridade de Adif, que detectaran a presenza de tres persoas nunha zona de acceso restrinxido da vía férrea, próxima ao túnel do Ave, na parroquia de Lantaño.
Segundo informaron fontes oficiais do instituto armado, cando chegaron os efectivos da patrulla localizaron e identificaron tres persoas que estaban a realizar un grafiti de considerables dimensións nunha zona de acceso prohibido no túnel do ferrocarril.
Son tres mozos de 25, 24 e 34 anos, dous deles veciños de Vilagarcía de Arousa e o terceiro con domicilio en Santiago. Intervéuselles unha bolsa cos botes de spray que estaban a utilizar e foron denunciados por vía administrativa ante a Subdelegación do Goberno en Pontevedra, como supostos autores dunha infracción tipificada na Lei Orgánica 4/2015, de protección da seguridade cidadá, baixo o concepto de "danos ou deslucimento de bens mobles ou inmobles de uso ou servizo público.".