Denuncian trabas en Facenda para poder optar ás axudas de 300 euros para libros e material escolar
Por Anxo Lourido
María José é unha traballadora de Vilaboa que prefire non saír nas fotografías para evitar consecuencias negativas cara á súa familia. Esta muller e a súa familia están a sufrir un calvario. Nas últimas semanas visitou en catro ocasiones as oficinas de Facenda en Pontevedra coa intención de obter un documento que lle permita optar a unha bolsa de 250 euros para libros e outra de 50 euros para gastos de material escolar que irían destinados á súa filla que cursa primeiro da ESO. Con todo, as trabas administrativas están a lle dificultar que logre ese documento de Facenda.
As complicacións xorden porque o marido de María José estivo tres anos desempregado. En 2015 cobraba a prestación do paro a través do Inem, ademais de 6.000 euros de Fondo de Garantía Salarial (FOGASA) correspondente ao ano 2013 derivado do peche da empresa. Esa cantidade foi declarada a través dunha complementaria. Con todo, en Facenda reclámanlle un documento no que figure o ano no que FOGASA pagáballe eses 6.000 euros.
María José presentou toda a documentación que ten: o auto do xulgado, a resolución de FOGASA, a certificación do administrador concursal, as declaracións da renda dos últimos anos e, con todo, o funcionario de Facenda reclámalle outro documento que non lle indican onde conseguilo. "Te desesperan", afirma María José, "Somos persoas que malamente vivimos dun soldo e non podemos perder tempo no traballo para isto".
Marcos Conde, secretario comarcal de CIG, sindicato no que María José reclamou axuda, sinala que esta situación débese á mecanización administrativa que se realiza en espazos como Facenda e que, ao final, prexudica aos traballadores. "A eles sáltalle unha anomalía e o traballador non ten a culpa. Non desfalcou. Declarou os cartos e pagou. E agora se atopa con que non é suficiente para poder solicitar a beca", indica Conde.
"Se seguen así, vou desistir e pagarei os libros da nena"
María José sinala que o seu marido, que atopou traballo en Vigo, non pode pedir permiso todas as semanas no seu novo emprego para reclamar esta documentación que lle corresponde nas oficinas da Axencia Tributaria en Campolongo. E ela terá que desprazarse unha quinta vez cunha reclamación na que solicita que lle notifiquen por escrito o documento que reclaman. "Nunca llo piden por escrito", indica Marcos Conde. María José apunta que "estou perdendo moito tempo e teño que pedirlle ao traballo horas para resolver isto"
Esta nai de familia indica que o seu caso non é o único. E sinala que hai familias que están a renunciar á bolsa de 300 euros porque non teñen tempo para tentar realizar os trámites. María José sinala que tamén está a piques de tirar a toalla como non lle resolvan esta traba administrativa: "Se seguen así, vou desistir e pagarei os libros da nena". O prazo para presentar a solicitude de bolsa ante a Consellería de Educación conclúe o 23 de xuño.