O Concello do Grove presenta as contas definitivas da Festa do Marisco 2016
Por Oskar Viéitez
O Consello Local de Turismo foi convocado este martes para abordar varios puntos na orde do día entre os que se atopaba a presentación das contas finais da Festa do Marisco 2016. O Consello xa tivera un avance dos datos á espera de que as cifras definitivas foran confirmadas polos servizos de intervención municipal.
Presentouse un documento definitivo que será feito público para os veciños, tal e como se fixo o pasado ano. A concelleira de turismo Emma Torres destacou que "este novo xeito de xestión diverxe dos catro anos anteriores onde non se fixo público ningún dato da Festa do Marisco".
No informe presentado ao Consello Local de Turismo faise fincapé en que as grandes partidas de gasto se atopan na compra de produto (máis de 180.000 euros), na celebración de actividades culturais e de lecer (máis de 120.000 euros) e na montaxe das carpas (ao redor de 95.000 euros).
Sobre todas as partidas aplicouse un "rigoroso control do gasto" polo que se invitou aos membros do Consello Local de Turismo e aos representantes do grupos a revisar o listado de facturas e gastos que se puxo á súa disposición. "Todo isto supuxo que se axustara o máximo posible ao orzamento previsto", destacou a concelleira.
Dende o Concello destacan que incrementouse o gasto en produto ao ter aumentado os postos dos que se fai cargo directamente. Tamén se incide na aposta pola mellora de calidade destes produtos o que supón traballar co marxes moi estreitos. A calidade tamén foi a máxima aplicada na contratación da programación musical, seguindo o ritmo marcado o pasado ano.
O goberno local do Grove cre que "volve a ser preciso abrir o debate sobre o feito de que os gastos deste enorme evento sexan abordados practicamente en solitario polo Concello do Grove a pesares do recoñecemento público e notorio de que esta festa ten consecuencias positivas en todo Galicia. Como se pode comprobar no informe o apoio das institucións públicas é similar ao que poñen os patrocinadores privados".