A Universidade de Vigo basea a súa nova campaña de imaxe en casos de éxito dos seus egresados
Por Oskar Viéitez
Os pontevedreses Ismael Calvo e Luz Pérez, licenciados en Publicidade e Relacións Públicas e creativos de Ovo Publicidade e Alicia Ferreiro, directora de loxística de Arnoia, son algúns dos protagonistas da nova campaña de imaxe da Universidade de Vigo.
Co lema "Todo encaixa", en referencia á unión entre a etapa como estudantes (pasado) e a profesional (presente), a campaña, deseñada e realizada por persoal e alumando da institución académica, céntrase en tres casos de éxito de egresados da Universidade de Vigo, que foron quen de "cumprir os seus soños e crear riqueza no país", asegurou o reitor, Salustiano Mato, no acto de presentación das novas pezas audiovisuais, celebrado este mediodía no Edificio Miralles do campus de Vigo.
A potenciación da imaxe de marca da universidade é o obxectivo fundamental da campaña.
ÉXITO DENDE PONTEVEDRA
Alicia Ferreiro, directora de loxística de Arnoia, refírese a súa participación nesta campaña como "unha experiencia fantástica. Non só pola profesionalidade do equipo de produción e realización da Uvigo, senón tamén por saír do día a día e participar nesta campaña. Moi gratificante e enriquecedor".
Arnoia é neste intre a segunda distribuidora de libros de España. Cunha superficie de almacenamento de máis de 14.000 metros cadrados no polígono do Campiño en Pontevedra, Arnoia ten presenza comercial en toda España e conta cun fondo de distribución que supera as 3.500 editoriais e unha base de datos de case 700.000 títulos.
Mentres, Luz Pérez e Ismael Calvo, creativos de Ovo Publicidade, manifestaron ante os asistentes á presentación o orgullo de colaborar na campaña, "fardamos de ser desta universidade", asegurou Calvo, que lembrou a utilidade do aprendido nas aulas á hora de poñer en marcha a súa empresa. Luz Pérez, pola súa banda, asegurou que Publicidade e Relacións Públicas foi para eles unha vocación, ao tempo que expresou a súa satisfacción por poder participar "nunha chulada de campaña".