O PP pregunta ao alcalde por unha posible insubmisión veciñal tras a sentenza do sinal en galego
Por Oskar Viéitez
O voceiro do PP en Pontevedra, Jacobo Moreira, solicitará ao alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, que informe do número de multas emitidas e dos enganches do guindastre municipal practicados desde xullo de 2010 "que viñeran derivados do incumprimento das especificacións escritas complementarias dun sinal que estiveran unicamente en idioma galego".
Moreira considera unha "vileza vergoñenta" a decisión do rexedor de seguir emitindo sancións dese tipo tras a sentenza ditada polo Xulgado Contencioso Administrativo número 3 de Pontevedra naquela data que considerou explicitamente "ilegal" un sinal vertical por incluír ese tipo de indicacións só en galego, e non tamén en castelán como obriga o Regulamente de Circulación.
"A obsesiva voracidade do equipo de Lores á hora de incrementar os ingresos a través de calquera camiño", segundo Jacobo Moreira, "está cegando de tal xeito ao alcalde que xa ve normal a emisión de resolucións fóra da lei".
Moreira asegura que "hai que defender o galego, pero iso non xustifica que se impoñan multas ilegais", sostén o concelleiro popular, que tamén lle pide ao rexedor nacionalista que reflexione e pense que lle parecería a el "se un veciño se declarara insubmiso ás normas que ditara o Concello".
Relacionadas:
-
O PP cre que Lores "debe rectificar con urxencia" a súa insubmisión ante o "malestar" dos pontevedreses
Por Redacción |
-
A Mesa defende os sinais de tráfico de Pontevedra e Galicia Bilingüe critica a "imposición" do galego
Por Redacción |
-
Pontevedra manterá os sinais de tráfico en galego e denuncia un "ataque ideolóxico" ao idioma
Por Alejandro Espiño |
-
Líbrase dunha multa porque o sinal que lle prohibía aparcar estaba só en galego
Por Natalia Puga |